xoves, 10 de novembro de 2016

Charlando coa cooperativa Bicicleando


A cooperativa Bicicleando visita o noso colexio para informar aos nenos e nenas de 5º e 6º sobre como crear unha cooperativa.


Un dos momentos da charla.
    O xoves 13 de outubro, Alejandro Costa, un membro de Bicicleando veu ao cole a darnos unha charla sobre as cooperativas. Explicounos os pasos a seguir para que teñamos unha idea, xa que os nenos de 5º e 6º queremos facer unha. Os obxectivos son recadar fondos que se investirán na excursión de fin de curso, aprender a importancia do consenso, a cooperar e cumprir os nosos compromisos.


   Bicicleando é unha cooperativa de alugamento de bicis formada por tres socios ou traballadores afeccionados ás bicicletas. Fundada no 2014, como unha forma de saír do paro, Ivana, Iago e Alejandro distribúen o traballo da súa cooperativa. Este tipo de empresa ten unha forma de traballar consensuada na que todos os traballadores/as toman as decisións.


   Formar unha cooperativa legal non é sinxelo, entre todos os socios/as débese investir 3000 €. É importante ter claras as intencións e crear uns estatutos ademais de atopar os socios/as xa que por lei ten que haber un mínimo de tres. O importante nunha cooperativa é o traballador/a e a súa seguridade laboral. Os trámites tardan; no caso de Bicicleando foron seis meses. O estado aporta axudas económicas, subvencións, nos seus comezos. Non todos os membros cobran o mesmo pero comparten os beneficios e perdas. Para que o proxecto saia adiante é importante ter un produto, contar co marketing, e que as decisións se tomen chegando a un consenso.

    Esta actividade forma parte dos primeiros pasos dos nenos/as de 5º e 6º no mundo empresarial. Por iso veu Alejandro a darlles estas ideas para formar a súa cooperativa. Con el aprenderon as características deste tipo de empresas comparándoa con outras. Nas súas clases queren realizar esta actividade para recadar fondos para unha posible excursión de fin de curso.

    Eroski ou Fagor son empresas cooperativas coñecidas.

   Nunha cooperativa séntense emocións como alegría, orgullo, etc. pero as veces, tamén, tristura ou frustración.

 Para visitar a súa web:  http://www.bicicleando.es/

Esta noticia está redactada cooperativamente polos/as alumnos/as de 6º curso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario