xoves, 15 de decembro de 2016

Hai contaminación acústica nas aulas?


Os alumnos de 5º e 6º alertan sobre as consecuencias nos niveis excesivos de ruído.
Datos obtidos en distintos lugares e momentos
  No colexio CEIP A Rúa, os nenos e nenas de 5º e 6º, a principios de novembro, investigaron os niveis de son nas aulas. Empregando a aplicación Sound Meter, tomaron medidas en distintos momentos e lugares para comprobar un estudo da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde.

    Sorprendidos polos datos dun estudo da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde que di que nos colexios danse niveis de ruído superiores á 85 dB, os alumnos dos cursos de 5º e 6º quixeron comprobar se eran certos. Para iso usaron Sound Meter, unha aplicación gratuíta para medir os decibelios (medida de son), tomando medidas nas aulas de Infantil e Primaria, no ximnasio, nos corredores, no patio e na hora de lectura, no recreo, en horas de traballo e saída...

    A OMS (Organización Mundial para a Saúde), nas guías de ruído urbano, di que para poder oír e comprender as mensaxes nunha aula o nivel de ruído non debe superar os 35 dB, nun patio 55 dB e en momentos de descanso 30 dB.

    Os nenos e nenas de A Rúa comprobaron que a media de decibelios anda sobre 50 ou 60 dB; que nas aulas é fácil acadar máximas de 85 dB e superalas, as mínimas danse sobre todo nas horas de lectura, rexistrando datos ata 11 dB. Normalmente nas horas de ler téñense mínimas moi baixas e medias moi recomendables. Sen embargo, noutros momentos as mínimas e as medias soben moito.

   Tamén sacaron conclusións como que nas clases dos pequenos falan máis baixo que na dos maiores; co timbre e cos cambios de clase os nenos altéranse e deberían buscar alternativas; cando non están os mestres presentes son momentos de contaminación acústica; o tipo de actividade tamén fai variar os niveis de son.

    Os nenos, cando se expoñen a niveis de son altos, cánsanse, estrésanse, desconcéntranse, irrítanse e teñen problemas para oír e prestar atención. Ademais, cando varios nenos falan á vez, van elevando as voces para facerse oír por enriba dos outros empeorando enormemente as condicións da aula. Tamén é importante ter en conta que, segundo estudos da OMS, entre o 30% e o 40% dos nenos teñen perdas auditivas permanentes ou fluctuantes que poden afectar á escoita e a aprendizaxe.

    Os alumnos e alumnas de 5º e 6º pensaron en distintas propostas para solucionar estas situacións como: respectar as quendas de palabra cando queremos participar; falar so cando sexa necesario; usar un ton axeitado que non sexa moi alto; se un profesor tarda en chegar nun cambio de clase, poñerse a ler un libro; se alguén está nervioso debería dárselle un momento a soas para que se relaxe; practicar o autocontrol dos actos; que os propios alumnos comuniquen aos demais cando o ruído está empezando a ser molesto; que se traballe a empatía; no caso de que ningunha destas propostas servise, habería que comunicalo aos seus pais para que busquen solucións con el/ela na casa.


Faladeiros, 15-12-2016, redactado pola clase de 5º

Ningún comentario:

Publicar un comentario